Entrevista a Manuel Fandiño, un home de 87 anos que viviu , entre outras cousas, unha parte da revolución industrial e que agora está a vivir algunhas das súas consecuencias.
1. Comiades alimentos variados tódalas semanas: peixe, carne, legumes, froitas e verduras?
Comíamos o que podíamos, pero o que máis se comía era peixe, marisco que daquela había moito, comíanse nécoras, bois, congrios, chopos, mexillóns, caramuxos. E do que había na casa, comíase o que se sementaba, tíñamos ovos e vendiámolos para comprar arroz ou aceite, na parte de abaixo da casa tiña un forno no que facíamos pan de millo pero só se comía nas festas, antes as froitas de fora non se coñecían e só comíamos as que tíñamos na horta. E iso era o que comíamos.
2. Onde mercabades a comida?
Nos ultramarinos e nas tabernas, daquela nas tabernas tiñan de todo, tiñan pementos, arroz, sal , viño. Tiñan de todo.
3. Cantas comidas realizabades ao día?
Comíamos tres veces ao día, o almorzo, a comida e a cena, e o que podía merendar merendaba, e si non, tomábamos frutas coma mazás, peras, castañas, uvas…
4. Algunha vez pasáchedes fame?
Fame nunca pasei, pero si que tivemos algunhas necesidades.
5. Que métodos tiñades para conservar os alimentos?
Daquela non había nada para conservalos, o único era co sal, que salábanse os alimentos e cando os queríamos comer desalábamolos, pero non había frigoríficos nin conxeladores.
6. Por exemplo para mercar peixe como faciades?
As regateiras ían vender co peixe na cabeza polas portas das casas e nos portos de mar como no de Escarabote no que hai moito xeito e moito mariñeiro e na Puebla, ó mellor poñíanse nas beirarrúas das estradas e vendían alí o peixe e senón o vendían todo ían polas portas e a xente comprábanllo e pagábanllo en cartos, e nas aldeas cerca do monte dábanlle en especies.
7. Podiades consumir todo tipo de froitas durante todo o ano ou había tempadas?
Había tempadas, como os figos cando os había comíamos figos, cando había uvas comíamos uvas, e o mesmo pasaba coas claudias, as mazás e as peras, cada unha comiámola no seu tempo.
8. De que material era a roupa que utilizabades?
Daquela utilizábamos moito os algodóns, as lanas, o liño e calcetábamos moito. E ata desfacíamos os sacos e despois calcetábamos con ese fío, e facíamos xerseis, chaquetas, e despois esa roupa teñíase e vestíamos con ela.
9. Mercabades a roupa ou a faciades na casa?
Nos comprábamos a tela e despois faciámola na casa.
10. Cada canto tempo renovabades a roupa?
Cando xa non tíñamos por onde collela. Cando nos rompía polo xeonllo remendámola, e polas cachas igual, e remendabámola ata que non se podía remendar máis, e era cando a cambiábamos.
11. Onde e como lavábades a roupa?
Lavábamola no río, as mulleres ían alí e a lavaban con xabón e auga.
12. Como vos desplazábades?
A andar, non había outra cousa, só había unha liña de Ribeira a Santiago que saía á mañá e viña pola noite, e había outra que ía de Pobra a Noia unha ou dúas veces á semana.
13. Que transportes existían?
Había bicicletas pero tíñanas moi pouca xente, e despois autobuses pero moi poucos. A maioría da xente ía andando a tódolos sitios.
14. Que tipo de combustible utilizaban?
Gasóleo e os autobuses tiñan unha caldeiras que queimaban leña na parte de atrás do
autobús e facían que puidese andar .
15. Tíñades luz eléctrica nas casas?
Non había nin luz eléctrica nin auga. Só tíñamos faroles de aceite, candís de gas, faroles con velas e tamén había algunha luz de carburos, nesas botábaselle unha pedra de carburo con auga no depósito e ao ferver o carburo prendía.
16. Tiñan luz os camiños?
Non, nos camiños non había luz pero cando saiamos pola noite alumeábamosnos con
facheiros de canas esmagadas e amarrabámolas todas e encendíamolas, e tamén
usábamos palla.